jueves, 15 de diciembre de 2016

RESUMO ACTIVIDADES DO TRIMESTRE

     Hola a tod@s.

     Este trimestre non me foi posible publicar coa frecuencia que eu desexaba así que resumireivos nesta entrada algunhas cousiñas que foron pasando na aula.

     Tardamos varias semanas en facer a primeira foto de grupo porque sempre nos faltaba alguén pero a mediados de outubro conseguímolo:






     Aprendemos moitas cousas sobre o outono: chega o frío, comezan as primeiras chuvias, as follas cambian de cor e caen, o vento móveas, hai animais que emigran e outros invernan...
     Coa profe Marina festexamos a vendima:


     Ademáis de probar as uvas, degustamos outros froitos típicos do outono:

Granada, chirimoya e caqui.



     E non nos podemos olvidar da castaña e a festa do magosto. Votade unha ollada AQUÍ.




     Outra das festas que tivemos foi o Samaín. Moitísimas grazas pola vosa colaboración tallando cabazas e 
aportando comida e agasallos para a festa. Pasámolo de medo.


     Coa profe Marina traballamos o conto "Corre, corre cabaciña". Encantóunos.
     E na biblioteca tivemos unha contacontos que nos deu a coñecer a historia de "A bruxa regañadentes".
     Pero para conto o que nos tiñan preparado a profe Isis e os rapaces e rapazas de cuarto de primaria, unha historia chea de efectos sonoros que nos fixeron tremer de verdade.





     Tamén estivemos a traballar algo de vocabulario relacionado coas hortalizas, as froitas e os animais. Neste tema profundizamos algo máis e aprendemos unha chea de cousas sobre elefantes, rinocerontes, gacelas, crocodilos, hipopótamos e mesmo avestruces. Grazas a profe Loli tivemos a oportunidade de tocar un auténtico ovo de avestruz, son enormes.







   

     Xa vedes, non paramos un segundo.

domingo, 25 de septiembre de 2016

REUNIÓN

Ola familias!
Xa levamos uns días xuntos e todo vai collendo ritmo. Os peques disfrutan cada día máis do seu tempo na escola e os choros son cada vez menos frecuentes e máis suaves. Este venres remataba o período de adaptación e o luns xa comezaremos ás 9.05 da mañá. Veremos que tal nos vai a xornada completa.

Lembrade que este martes 27 ás 17.00 temos unha reuión para tratar temas de interese da nosa aula. Non faltedes!

domingo, 4 de septiembre de 2016

CONSELLOS PARA COMEZAR A ESCOLA


     Dende o seu nacemento os nosos pequenos e as nosas pequenas enfróntase a novas experiencias. Pouco a pouco van collendo unha bagaxe que lles permite afrontar novas situacións con maior seguridade. A escola é un novo entorno ao que se terán que adaptar.
     O período de adaptación é o tempo que transcorre dende que acoden por primeira vez á escola ata o momento en que o fan tranquilos e felices sabendo que están nun entorno seguro e que voltarán a buscalos cando remate a xornada escolar.
     Este período atópase regulado pola Consellería de Educación sendo cada centro escolar o que adopta as medidas necesarias para que esta adaptación transcorra do xeito máis natural posible.
     Os primeiros días serán os máis difíciles. É probable que choren, se aferren a vós, se escape algún pis e mesmo teñan pesadelos. Tede en conta que é unha situación nova e non entenden porqué deben quedar sós nun lugar descoñecido.
     Como adultos podemos facilitar a transición de nenos e nenas do entorno familiar ou da gardería á escola. Aí van algúns consellos:

      Actitude positiva

     A nosa actitude cara ao inicio da escola debe ser realista e positiva. É un sitio novo onde atoparán amiguiñas e amiguiños cos que xogar e farán cousas que lles gustan como crebacabezas, debuxar ou recortar pero tamén terán que compartir os xoguetes e materiais e agardar o turno para realizar as diferentes tarefas.
     Debemos evitar falar do colexio ou mestres como un lugar desagradable ou persoas que rifan e castigan.
     Ler algún conto coa temática do primeiro día de escola pode axudalos.
     Falar con irmáns maiores, curmáns ou veciños que lle conten a súa experiencia.
     Explicarlles que son maiores e xa poden facer máis cousas. Recordar cando se enfrentaron a unha nova experiencia como ao primeiro non foi sinxelo pero deseguida o pasaron ben: a primeira vez na praia, o primeiro viaxe en autobús ou tren... Lembrar os nervios do comezo e saber que non pasa nada pode axudalos a normalizar a situación cando volvan experimentar esas sensacións.

      Descanso e alimentación



     É moi difícil gozar dunha actividade cando un está canso ou ten fame, de aí a importancia dun bo descanso e dun bo almorzo. Queremos que cheguen á escola cheos de enerxía para que poidan sacar o máximo partido de cada día.



     Roupa cómoda

     Queremos que gocen da súa estancia na escola por iso precisan estar cómodos para xogar e moverse. Necesitarán ir ao cuarto de baño polo que  teñen que poder espirse sen axuda e poder remangarse para lavar as mans. Evitemos que un cinturón ou un botón complicado supoña que se fagan pis diante dos compañeiros.
     O calzado sen cordóns (con velcro, elásticos...) axudaranos na prevención de caídas e golpes e permitiralles ser autónomos se teñen que sacar as areas dun zapato. Sentiránse maoires o poder facelo sen axuda.

     Puntualidade

     É importante erguerse con tempo para non andar a correr e chegar sen présa tendo oportunidade para falar coas outras familias e ir coñecendo aos compañeiros e compañeiras. 
     Ter un momento para familiarizarse co entorno daralle maior seguiridade e permitiralle expresar os seus sentimentos.
   

     A despedida

     Este será o momento máis duro. É difícil para todos. É normal que teñades dúbidas ou medos porque deixades o que máis queredes cunha persoa descoñecida. Por iso é importante que me transmitades as vosas inquedanzas nas diferentes reunións que teñamos para xuntos solucionar todo aquilo que sexa necesario.
     As nosas pequenas e pequenos sentirán medo ao vérmonos intranquilos por iso debemos intentar non transmitir esa sensación aínda que nos resulte difícil.
     É importante non enganalos dicindo que imos comprar o pan ou o xornal porque poden perder confianza. Debemos explicarlles que é o momento de marchar e que á hora da saída estaremos agardándoos.
     No caso de que se poñan moi nerviosos non debemos prolongar a despedida pois pode ser contraproducente. Nese momento as emocións embargaranos e non entenderán ningunha explicación. Un bico ou unha aperta para que se sintan queridos pode ser suficiente.     

    A recollida

    Nenos e nenas levan agardando toda a mañá por este momento. Teñen ganas de volver coa sua familia e, ás veces, facelos partícipes do que fixeron na escola.
     É moi importante ser puntuais, imaxinade a decepción se todos marchan cos seus pais/nais e o voso pequeno ou pequena queda soíño/a pensando que non virán recollelo/a. 
     Debemos actuar con normalidade como cando os imos buscar cando quedan con outra persoa habitual pois isto axudaralles a ir aceptando a nova situación.
     Sería interesante non marchar correndo e permitirlles despedirse dos compañeiros.
     Podemos preguntarlles que fixeron ou como o pasaron pero sen bombardealos con preguntas.
     O que non debemos facer é premialos ou comprarlles un agasallo por ir á escola.
     En ocasións, nenos/as que parece quedaban contentos no colexio enfádanse ao chegar os seus pais/nais. É algo normal e non quere dicir que non vos quixeran ver, simplemente pasaron por unha situación complicada para eles e exprésanse como poden coa primeira persoa de confianza que atopan. Igualmente poden estar máis irritables ou ter máis enfados do habitual.


     Moita sorte a todos/as e benvidos/as á vosa escola.